A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) – Área de Investigación da Universidade de Vigo participou do 22 ao 24 de abril de 2026 na Conferencia Anual da Marie Curie Alumni Association (MCAA), celebrada en Bruxelas. Este encontro constitúe o principal foro internacional de reunión da comunidade investigadora vinculada ás accións Marie Skłodowska-Curie (MSCA), congregando persoal investigador, representantes institucionais europeos e axentes estratéxicos do ecosistema europeo de I+D+i.
A Universidade de Vigo estivo representada por dúas técnicas da Oficina de Proxectos Internacionais, Ana F. Mosquera e Adriana Santos, integradas na delegación galega xunto con representantes do programa Oportunius da Xunta de Galicia.
A participación tivo como principal obxectivo promover internacionalmente as capacidades científicas da UVigo e as oportunidades de carreira investigadora existentes na institución, así como dar visibilidade ao ecosistema galego de I+D+i e aos programas de atracción de talento impulsados desde Galicia.
Durante a conferencia, a delegación galega desenvolveu unha intensa actividade de promoción e networking desde o espazo expositivo de Oportunius, que participou no evento como Diamond Sponsor, a máxima categoría de patrocinio. Neste contexto, as representantes da UVigo presentaron os principais centros de investigación da universidade, as súas áreas científicas estratéxicas e as oportunidades de colaboración e desenvolvemento de candidaturas para as futuras convocatorias MSCA Postdoctoral Fellowships.
A participación permitiu reforzar a visibilidade internacional da Universidade de Vigo entre a comunidade MSCA, establecendo contactos con persoal investigador interesado en desenvolver estadías de investigación, presentar candidaturas europeas en colaboración coa UVigo ou explorar futuras colaboracións científicas.
Ademais, durante o encontro mantivéronse contactos con representantes de distintos capítulos internacionais da MCAA, especialmente de América Latina, identificándose oportunidades para futuras accións de difusión e captación de talento investigador. Entre elas destaca a posible organización de actividades conxuntas orientadas á promoción das oportunidades de investigación da UVigo e das accións Marie Skłodowska-Curie entre a comunidade investigadora latinoamericana.
A asistencia á Conferencia Anual MCAA 2026 permitiu á Universidade de Vigo reforzar a súa proxección internacional, ampliar a súa rede de contactos estratéxicos e consolidar a súa presenza nos principais foros europeos vinculados á atracción de talento e á excelencia investigadora.

Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033