Do 20 ao 22 de maio de 2025, a Universidade Gottfried Wilhelm Leibniz de Hannover organizou a visita de estudos EURAXESS Attracting International Researchers, unha iniciativa orientada ao intercambio de boas prácticas entre institucións europeas en materia de atracción, acollida e integración de persoal investigador internacional.
A Universidade de Vigo estivo representada por Adriana Santos, técnica de atracción na Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) – Área de Investigación, quen participou xunto con representantes doutras institucións europeas nun programa centrado no fortalecemento das capacidades institucionais para apoiar a mobilidade investigadora.
Ao longo das tres xornadas, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as estratexias de acollida e integración do persoal investigador internacional desenvolvidas pola Universidade de Hannover, así como o papel das redes europeas no apoio á mobilidade e ao desenvolvemento profesional da comunidade investigadora.
O programa combinou sesións de traballo, visitas institucionais e actividades de intercambio de experiencias, favorecendo a aprendizaxe práctica e o establecemento de contactos entre profesionais de distintos países e contextos. A participación nesta visita permitiu á UVigo identificar boas prácticas e reforzar o seu compromiso coa mellora continua dos servizos de apoio ao persoal investigador internacional.
Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033