Os días 12 e 13 de xuño de 2025 tivo lugar en París a visita de estudos EURAXESS Empowering Scientists and Fostering Inclusion in Research Environments, organizada polo Institut Pasteur e centrada no desenvolvemento de carreira investigadora e nas políticas de diversidade, igualdade e inclusión nas institucións de investigación.
A Universidade de Vigo estivo representada por Adriana Santos, técnica de atracción de talento na Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) – Área de Investigación, quen participou xunto con profesionais de institucións de España, Suecia, Italia, Túnez, Bélxica e Francia.
Durante as dúas xornadas, as persoas participantes intercambiaron experiencias e boas prácticas sobre apoio á carreira investigadora, inclusión e creación de contornas de traballo máis equitativas, ao tempo que compartiron os principais retos aos que se enfrontan as súas organizacións.
A visita constituíu unha oportunidade de aprendizaxe e colaboración especialmente enriquecedora, permitindo identificar novas iniciativas para impulsar o desenvolvemento profesional do persoal investigador e promover contornas de investigación máis inclusivas. Como resultado do encontro, os participantes crearon unha comunidade de práctica sobre desenvolvemento de carreira investigadora, co obxectivo de continuar compartindo experiencias, ferramentas e boas prácticas entre institutiones europeas.
Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033