Seis técnicas da Oficina de Proxectos Internacionais – Área de Investigación da Universidade de Vigo asistiron á 13ª Conferencia do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea, titulada “Entre dous programas, Horizonte Europa”, organizada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) e celebrada en Barcelona o 16 de xuño de 2026.
O encontro reuniu arredor de 1.200 persoas, entre as que se atopaba persoal xestor de investigación, persoal investigador, representantes de empresas, universidades e centros de investigación, así como organismos públicos de financiamento e representantes da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do CDTI e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Durante a conferencia púxose de manifesto o excelente posicionamento de España en Horizonte Europa e a relevancia estratéxica do próximo Programa Marco (2028-2034) para reforzar a competitividade, a soberanía tecnolóxica e o liderado científico europeo.
Entre as mensaxes máis reiteradas salientouse a necesidade de incrementar o investimento en I+D+i, reforzar o impacto da investigación, acelerar a transferencia ao mercado, simplificar os instrumentos de financiamento, potenciar os niveis tecnolóxicos máis próximos ao mercado e fortalecer a colaboración internacional.
Así mesmo, destacouse que Europa se atopa nun momento decisivo para definir o seu papel nun contexto global marcado pola competencia tecnolóxica, a intelixencia artificial e as novas prioridades xeopolíticas, no que Horizonte Europa continuará a ser unha ferramenta clave para afrontar estes retos.

