Os días 15 e 16 de setembro de 2025 tiveron lugar a reunión de coordinación da rede EURAXESS-España e a xornada EURAXESS “Estratexias de atracción de talento: como complementar os programas de financiamento”, organizadas pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) na súa sede de Alcobendas e no Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en Madrid.
En representación da Oficina de Proxectos Internacionais – Área de Investigación da Universidade de Vigo, asistiu Adriana Santos, técnica de atracción de talento investigador.
Tanto a reunión de coordinación da rede EURAXESS-España coma a xornada centrada nas estratexias de atracción de talento puxeron de manifesto a importancia da colaboración e do intercambio de experiencias entre institucións, persoal investigador e xestor, así como entidades vinculadas á mobilidade científica.
As dinámicas prácticas, as relatorios e a presentación de iniciativas como REBECA, RESAVER, Bizkaia Talent ou a COLOURS Alliance amosaron a diversidade de recursos dispoñibles para afrontar os retos da investigación internacional.


No seu conxunto, o encontro evidenciou o papel fundamental de EURAXESS como plataforma integradora para impulsar a mobilidade, a inclusión e o desenvolvemento profesional, contribuíndo así á competitividade do Espazo Europeo de Investigación.
Cómpre salientar tamén que as persoas asistentes pertencentes á rede EURAXESS-España constituíron unha comunidade de práctica co obxectivo de seguir compartindo experiencias, intercambiar boas prácticas e prestarse apoio mutuo.
Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033.