A investigadora Lucía Díaz Vilariño, profesora da Escola de Enxeñaría Industrial e membro do Centro de Investigación CINTECX da Universidade de Vigo, foi galardoada cun accésit na categoría de Ciencias Técnicas na segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores mozos. Este recoñecemento pon en valor a súa destacada traxectoria científica, centrada na dixitalización do contorno construído e na análise do espazo urbano para crear cidades máis seguras, intelixentes e sostibles. Para a doutora Díaz, este premio supón un importante pulo institucional que serve de apoio para reforzar a confianza e seguir avanzando no desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas aplicadas.
Dende a perspectiva do financiamento da I+D+i, o perfil de Díaz Vilariño destaca polo seu liderado internacional e a súa excepcional capacidade de captación de recursos en convocatorias altamente competitivas, sumando máis de 3,5 millóns de euros para a UVigo. A maior parte destes fondos europeos e internacionais están destinados a proxectos estratéxicos aliñados coas grandes prioridades da Unión Europea. Entre as súas liñas principais salientan o mantemento intelixente de infraestruturas, a mellora da accesibilidade universal para persoas con diversidade funcional a través do estudo do impacto urbano, e a aplicación de criterios de circularidade e sustentabilidade no eido da construción.

