O proxecto europeo Astral avanza no seu camiño de fortalecer a capacidade de anticipación das pemes tecnolóxicas

Os seus membros afrontan agora a transformación do coñecemento adquirido en ferramentas prácticas

En xaneiro de 2025 arrancou o proxecto europeo Astral (Anticipating Strategic Long-Term Challenges), unha ambiciosa iniciativa internacional que reúne nove socios de catro países, entre eles a Universidade de Vigo, e ten un orzamento de 1,5 millóns de euros financiado polo programa Erasmus+. Con el búscase capacitar ás pemes, startups e profesionais do sector tecnolóxico e universitario para identificar megatendencias e traducilas en estratexias sostibles e executables, cun horizonte a dez ou vinte anos vista. Os seus membros afrontan agora a transformación do coñecemento adquirido ao longo destes meses en ferramentas prácticas e aplicables. 

O proxecto, que rematará en decembro de 2027, reúne entidades de Alemaña, Dinamarca, Francia e España, entre elas tres universidades, tres asociacións empresariais que tamén actúan como provedores de formación profesional continua, e tres pemes dos sectores tecnolóxicos. A participación da Universidade de Vigo materialízase nun equipo formado por persoal docente e investigador do campus de Ourense, concretamente da Facultade de Educación e Traballo Social (Maribel Doval, Manola Raposo, Javier Blanco e Jesús Deibe Fernández Simo), da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (Fernando Veiga), da Facultade de Ciencias (Juan Carlos Mejuto, Antonio Cid Sanmamed e Maruxa Alvarez) e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Jesús Vázquez). Este equipo da UVigo está coordinado por Maribel Doval, do grupo HC1 e profesora da Facultade de Educación e Traballo Social.

Ler a nova no DUVI.