Os días 16 e 17 de xuño tiveron lugar en Bruxelas dous eventos clave do proxecto europeo KA2 DACEM (Digitising Academic Catalogues for Enhanced Mobility), coordinado pola Universidade de Vigo e financiado polo programa Erasmus+. As actividades incluíron a cuarta e última reunión presencial do consorcio (Transnational Project Meeting) e o evento final de difusión, que reuniron aos socios do proxecto e a representantes de universidades, organizacións e entidades interesadas na transformación dixital dos catálogos académicos europeos.
Durante a reunión transnacional do 16 de xuño, os socios revisaron o estado final dos diferentes paquetes de traballo, avaliaron os resultados acadados e planificaron as últimas accións necesarias antes do peche do proxecto. As distintas institucións participantes destacaron o éxito do traballo desenvolvido ao longo dos últimos tres anos, subliñando que os obxectivos previstos foron cumpridos de maneira moi satisfactoria e que DACEM conseguiu avanzar significativamente na mellora da accesibilidade, interoperabilidade e calidade da información académica para a mobilidade internacional.
A reunión serviu tamén para definir os pasos finais do proxecto e para coordinar as accións futuras orientadas a garantir a sustentabilidade e a adopción da plataforma DACEM por parte dun número cada vez maior de institucións de educación superior europeas. Os socios coincidiron en destacar o potencial da ferramenta e a importancia de continuar traballando na súa difusión unha vez finalizado o proxecto.
Ao día seguinte tivo lugar o evento final de difusión baixo o título «Innovating Academic Catalogues in Higher Education: From Information to Transformation», un encontro internacional no que se presentaron os principais resultados do proxecto, as recomendacións elaboradas polo consorcio e unha demostración en directo da plataforma DACEM.
Manuel Caeiro Rodríguez, profesor na Universidade de Vigo e coordinador xeral de DACEM, foi o encargado de presentar a plataforma desenvolvida polo consorcio, amosando as súas principais funcionalidades e o seu potencial para mellorar a accesibilidade, comparabilidade e interoperabilidade dos catálogos académicos europeos.
A conferencia contou cunha elevada participación de representantes de universidades europeas, organizacións vinculadas á mobilidade internacional, entidades sen ánimo de lucro, empresas e outros actores interesados na dixitalización dos procesos académicos. As persoas asistentes amosaron un grande interese pola plataforma DACEM, especialmente polas súas capacidades para facilitar a consulta, comparación e reutilización da información dos catálogos académicos, así como polo seu potencial para mellorar a experiencia de estudantes, persoal administrativo e responsables institucionais.
O elevado nivel de participación e o interese xerado confirman a relevancia do traballo desenvolvido polo consorcio e reforzan as perspectivas de continuidade e adopción das solucións propostas por DACEM no ámbito da educación superior europea.