A OPI participou na xornada sobre o impacto do programa Oportunius e o impulso á excelencia investigadora en Galicia

A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI)

A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo estivo presente na xornada organizada pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura para presentar o impacto do programa Oportunius no sistema galego de I+D+i. Durante o encontro déronse a coñecer os principais resultados desta iniciativa, orientada á captación, recuperación e retención de talento investigador a través do apoio ás persoas beneficiarias das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Segundo os datos presentados, o programa contribuíu a reforzar a capacidade de Galicia para atraer financiamento competitivo internacional, consolidar grupos de investigación de excelencia e incrementar a proxección científica das institucións galegas. En 2025, Galicia acadou a terceira maior taxa de éxito de España nas convocatorias do ERC, con 11 proxectos financiados das 54 candidaturas presentadas, só por detrás de Cataluña e Madrid. Ademais, no que vai de 2026 xa se igualou o número total de candidaturas presentadas ao longo de todo o ano anterior, un indicador do crecente interese da comunidade investigadora galega por estas convocatorias.

Durante a inauguración tamén se destacou que Oportunius constitúe unha peza estratéxica, xunto con iniciativas como Galtia, Retorna Talento I+D+i e Talentgal, para atraer ata 2030 máis dun cento de investigadores e investigadoras de excelencia, contribuíndo a reforzar áreas estratéxicas como a biotecnoloxía, as tecnoloxías cuánticas, a intelixencia artificial ou as enerxías limpas.

A xornada incluíu tamén unha mesa redonda con investigadores e investigadoras ERC e representantes das universidades e centros de investigación, que compartiron as súas experiencias e analizaron os retos futuros para seguir mellorando o apoio institucional ás candidaturas ERC e fortalecer o ecosistema galego de investigación e innovación.

Informe

Máis información

Prensa