O proxecto europeo STORCITO estivo representado recentemente no 14th EARSeL Workshop on Forest Fires, celebrado en Lisboa (Portugal), onde a investigadora Raquel Ortega Hita presentou o póster titulado «A Modular, Cloud-Based GIS Platform for Automated Wildfire Risk Index Mapping».
O traballo presentado contribúe aos obxectivos de STORCITO, centrados no desenvolvemento de solucións innovadoras para a prevención dos incendios forestais mediante a integración dun Índice de Risco de Incendios Forestais nunha plataforma dixital desenvolvida para o proxecto polo Deggendorf Institute of Technology.
A solución combina datos de teledetección, Sistemas de Información Xeográfica (SIX) e tecnoloxías na nube para xerar mapas automatizados do risco de incendios, facilitando unha avaliación máis precisa e actualizada do territorio. Este enfoque permite mellorar a identificación de áreas vulnerables e reforza o papel das ferramentas dixitais na prevención dos incendios forestais e na planificación da xestión do territorio.
A participación neste encontro internacional supón unha nova oportunidade para difundir os avances científicos e tecnolóxicos do proxecto, fomentar o intercambio de coñecemento coa comunidade investigadora especializada e consolidar o impacto de STORCITO no desenvolvemento de solucións innovadoras para territorios rurais máis seguros e resilientes.
Parabéns a Raquel Ortega Hita e ao conxunto de socios do proxecto por esta destacada contribución científica.