O investigador Gianluca Marino, responsable do Paleoclimatology Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, participa nun estudo internacional publicado na revista Nature Communications que achega novas evidencias sobre o papel determinante do océano no desxeo acelerado das grandes capas de xeo ao final das idades glaciares. A investigación, desenvolvida por un consorcio de institucións de Asia, Europa e Australia, mellora a comprensión dos mecanismos que regulan o sistema climático terrestre e achega información clave para anticipar os efectos futuros do cambio climático.
O traballo demostra que o debilitamento da circulación do océano Atlántico favoreceu a acumulación de grandes cantidades de calor baixo a superficie mariña durante miles de anos. Posteriormente, ao recuperarse esa circulación, a calor liberouse rapidamente cara ás altas latitudes, acelerando o desxeo das grandes masas de xeo continentais. Os resultados permiten explicar episodios excepcionais de incremento do nivel do mar rexistrados durante as transicións entre períodos glaciais e interglaciais.
Para alcanzar estas conclusións, o equipo desenvolveu unha innovadora metodoloxía de datación de rexistros paleoclimáticos con precisión sen precedentes, aplicada a espeleotemas do noroeste de Italia que permitiron reconstruír con detalle a evolución do clima dos últimos 600.000 anos. Esta aproximación ofrece unha nova perspectiva sobre a interacción entre océanos, atmosfera e capas de xeo, proporcionando unha base científica máis sólida para mellorar os modelos climáticos que predín a evolución do planeta nun contexto de quecemento global.
A participación da Universidade de Vigo neste traballo reforza a proxección internacional do CIM no ámbito da paleoclimatoloxía e da investigación sobre o cambio climático. O estudo evidencia, ademais, a importancia da colaboración científica internacional para comprender os procesos que condicionan o futuro dos océanos e a resposta do sistema climático fronte ao aumento das temperaturas globais.

