Esta semana visitou o campus unha delegación institucional da Universidade Agraria da Habana
A Universidade de Vigo recibiu esta semana a visita dunha delegación institucional da Universidade Agraria da Habana (UNAH) para facer seguimento do proxecto internacional Prácticas de economía circular en gestión de residuos para mejorar la productividad y calidad alimentaria en Cuba, unha iniciativa coordinada pola UVigo, financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) cunha subvención de 400.000 euros, que promove a economía circular a través da compostaxe comunitaria para mellorar a fertilidade dos solos, incrementar a produtividade agrícola e reforzar a seguridade alimentaria en Cuba.
A delegación reuniuse co vicerreitor de Investigación, Transferencia e Innovación, Manuel Martínez Piñeiro, e o catedrático Salustiano Mato, coordinador do proxecto na UVigo, para revisar o avance da iniciativa e fortalecer a colaboración entre ambas institucións. Pola parte cubana asistiron a vicerreitora de Investigación da UNAH, Mabelin Armenteros Amaya; o coordinador do proxecto en Cuba, Heriberto Vargas Rodríguez; o co-coordinador, Yandre Soto Rodríguez; a directora de Posgrao da universidade cubana, Zulema Salguero Rubio; e o profesor de Bioloxía Elio Lázaro Amador Lorenzo. Xunto a eles asistiron tamén a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da UVigo, Eva Garea; o técnico do proxecto, Domingo Pérez, e Emma Iravedra, da Secretaría da rede CRUSOE.
O encontro serviu para presentar os novos responsables institucionais de ambas universidades, analizar o estado de execución do proxecto e os retos aos que se enfronta o equipo de traballo en Cuba, reforzar a cooperación entre ambas as dúas institucións e achegar a delegación cubana a diferentes instalacións e laboratorios da Universidade de Vigo.
Ler a nova no DUVI.