O CINBIO participa en Heal-4Ward, un novo proxecto europeo financiado con 3,3 millóns de euros pola Unión Europea a través de Horizonte Europa e das accións Marie Skłodowska-Curie, para mellorar o diagnóstico e tratamento das infeccións crónicas de feridas. O proxecto desenvolverá modelos ‘bioenxeñados’ de pel humana e ferramentas de diagnóstico non invasivo
A iniciativa, coordinada pola Università degli Studi di Roma La Sapienza, reúne 10 socios de 7 países europeos e formará 11 investigadores e investigadoras predoutorais ao longo dos seus 48 meses de duración.
Na Universidade de Vigo, o equipo está coordinado por Gustavo Bodelón González, do grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) do CINBIO, dirixido por Isabel Pastoriza Santos e Jorge Pérez Juste.
O proxecto desenvolverá modelos tridimensionais bioenxeñados de pel humana con nanopartículas de ouro e ferramentas de diagnóstico non invasivo baseadas en espectroscopía Raman (SERS), para detectar e monitorizar infeccións e avaliar a resposta aos tratamentos antimicrobianos sen danar as mostras. Unha investigación con gran potencial para avanzar cara a diagnósticos e tratamentos máis personalizados, reducir o uso de modelos animais e facilitar a transferencia de novas ferramentas ao ámbito biotecnolóxico, biomédico e sanitario.
Tras a reunión de lanzamento celebrada en Roma, o proxecto prolongarase 48 meses e permitirá formar 11 investigadoras e investigadores predoutorais en toda Europa para afrontar o reto das infeccións de feridas. Coordinado pola Università degli Studi di Roma La Sapienza (Italia), o consorcio reúne expertos e expertas en ciencia de nanomateriais, química, fabricación aditiva, enxeñaría biomédica, bioloxía molecular, microbioloxía e práctica clínica de España, Francia, Reino Unido, Irlanda, Italia, Países Baixos e Grecia, reforzando o seu carácter internacional e multidisciplinar.
Na Universidade de Vigo o equipo participante está coordinado polo investigador Gustavo Bodelón González, do grupo de NanoBioMateriais Funcionais, FunNanoBio, do CINBIO, dirixido por Isabel Pastoriza Santos e Jorge Pérez Juste.

