Crearán materiais docentes innovadores e unha plataforma internacional de aprendizaxe
Un equipo da Universidade de Vigo está a participar no proxecto europeo ASSET (Accounting for Sustainability, Social and Environmental Transparency), centrado en adaptar a formación en contabilidade aos novos retos de sostibilidade. A iniciativa, explican desde a súa organización, “pretende contribuír á formación de profesionais con capacidades para integrar a sostibilidade na toma de decisións empresariais, ao tempo que reforza a cooperación internacional entre universidades europeas”.
O proxecto Contabilidade para a Sostibilidade e Transparencia Social e Ambiental, está financiado polo programa Erasmus+ KA2 (Cooperation Partnerships in Higher Education) da Unión Europea. Reúne un consorcio de oito universidades europeas “cunha longa tradición de colaboración na oferta de programas de ensino innovadores sobre contabilidade, finanzas e auditoría”. Concretamente, están a UVigo, Universidade de Urbino (coordinadora), Johannes Kepler University Linz (Austria), ISCAP (Portugal), ISM University of Management and Economics (Lituania), Université Bretagne Sud (Francia), West University of Timișoara (Romanía) e International Hellenic University (Grecia).
Por parte da Universidade de Vigo participa un equipo do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, liderado desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense polo profesor Ernesto López-Valeiras e formado tamén por Roberto Graña e Silvia Ruiz. Sobre a participación en ASSET, Ernesto López destaca “a importancia deste tipo de iniciativas para formar profesionais capaces de responder aos retos actuais en materia de sostibilidade e transparencia empresarial, así como para fortalecer a dimensión internacional da nosa universidade”.
Ler a nova no DUVI.