Tres proxectos europeos con participación da UVigo estarán presentes na Higher Education Transformation Week en Bruxelas

Do 12 ao 16 de outubro de 2026, Bruxelas acollerá a Higher Education Transformation Week (HET Week), unha iniciativa que reunirá proxectos Erasmus+ KA2 de toda Europa co obxectivo de compartir resultados, experiencias e enfoques innovadores que contribúan á transformación da educación superior.

A Universidade de Vigo estará presente a través de tres proxectos europeos: MicroHEI – Enhancing Professional Development for Higher Education Staff through Micro-Credentials e DACEM – Digitising Academic Catalogues for Enhanced Mobility, coordinados pola UVigo, e GREENEUR – Assess and label the green sustainability of European projects, no que participa como entidade socia. Os tres proxectos desenvolverán diferentes actividades durante a semana, abordando ámbitos como o desenvolvemento profesional do persoal universitario, a dixitalización da información académica e a sustentabilidade na xestión dos proxectos europeos.

O 14 de outubro, o proxecto MicroHEI, xunto co proxecto COMPASS, organizará un obradoiro centrado no desenvolvemento profesional continuo do persoal das institucións de educación superior. A sesión abordará cuestións como o desenvolvemento baseado en competencias, as microcredenciais, a garantía de calidade e o recoñecemento da aprendizaxe profesional.

Ese mesmo día terá lugar a conferencia “A New Standard for Greener European Projects”, organizada no marco do proxecto GREENEUR. O encontro presentará a GreenEUR Environmental Impact Calculator e o GreenEUR Label, ferramentas desenvolvidas para medir e mellorar o impacto ambiental dos proxectos financiados pola Unión Europea e recoñecer o seu compromiso coa sustentabilidade. A conferencia abrirá tamén un espazo de reflexión sobre o futuro da xestión sostible dos proxectos europeos.

Pola súa parte, o 15 de outubro, o proxecto DACEM celebrará un obradoiro dedicado á transformación dixital dos catálogos académicos. A sesión permitirá coñecer a plataforma desenvolvida polo proxecto e abordará cuestións relacionadas coa accesibilidade, interoperabilidade e sustentabilidade dos catálogos académicos, así como a súa conexión con iniciativas e estándares europeos de dixitalización da educación superior.

A HET Week contará ao longo da semana cun programa de conferencias, obradoiros e encontros públicos arredor de diferentes ámbitos temáticos, entre eles a innovación docente, a mobilidade e cooperación institucional, a transformación dixital e a intelixencia artificial, a inclusión e a transición verde.

A participación nas actividades é gratuíta, previa inscrición. O prazo de inscrición estará aberto ata o 18 de setembro de 2026.

Máis información e inscrición na seguinte ligazón: Higher Education Transformation Week