O CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, incorporou a través da primeira convocatoria do seu programa europeo Nano4Talent (Acción Marie Skłodowska-Curie – COFUND do programa Horizonte Europa) aos seus tres primeiros investigadores posdoutorais —Andrea Visonà, Rubén González e Mohammad Mahmoudian— para desenvolver durante 24 meses proxectos interdisciplinares de vangarda. Estas contratacións internacionais impulsarán novas liñas de investigación conxuntas entre áreas estratéxicas do centro: a terapia combinada química e mecánica con nanopartículas magnéticas contra os sarcomas óseos no proxecto DUALMECH (Visonà), o desenvolvemento de estratexias antivirais de amplo espectro baseadas en nanomateriais co proxecto MEIGA (González), e o deseño duns sistemas poliméricos para o transporte selectivo de CRISPR-Cas13 no tratamento do cancro de páncreas (Mahmoudian). A súa chegada e a presentación dos seus proxectos á comunidade científica do CINBIO celebráronse no marco do Nano4Talent Researchers’ Day, unha xornada deseñada para fomentar novas sinerxías profesionais entre os grupos de nanomateriais e biomedicina do centro.