A Universidade de Vigo inicia unha nova etapa na xestión de tres dos seus centros de investigación de referencia. O catedrático Francisco Javier González Castaño asume a dirección de atlanTTic, a catedrática Elsa Vázquez ponse á fronte do CIM e o catedrático David Patiño lidera dende este xoves o Cintecx.
Ampla renovación na dirección da rede de investigación da Universidade de Vigo. Os centros atlanTTic, CIM e Cintecx contan dende este xoves con novas direccións, tras tomar a remuda dos anteriores equipos responsables cos obxectivos de fortalecer a excelencia científica, incrementar a captación de recursos internacionais e potenciar a transferencia de coñecemento cara á sociedade e ao tecido produtivo.
Francisco Javier González Castaño, novo director de atlanTTic
No Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Francisco Javier González Castaño substitúe no cargo a Martín Llamas Nistal. González Castaño, que dirixe o Grupo de Tecnoloxías da Información e conta cunha recoñecida traxectoria en redes de comunicacións avanzadas e tecnoloxías duais intelixentes, asume o cargo «con moita ilusión, ambición e responsabilidade».
O centro, integrado na rede Cigus da Xunta de Galicia e líder en captación de recursos no ámbito TIC galego en 2025 con máis de 19 millóns de euros, centra o seu traballo en eixes estratéxicos como a seguridade cuántica, as comunicacións terrestres e espaciais e os semicondutores III-V. Segundo destacou o novo director, o reto principal será «seguir facendo medrar atlanTTic, reforzando a súa capacidade investigadora e a súa proxección, e estreitando os vínculos coa sociedade e co tecido empresarial».
Elsa Vázquez asume a dirección do CIM e do Campus do Mar
Pola súa parte, a catedrática de Zooloxía Elsa Vázquez asume a dirección do Centro de Investigación Mariña (CIM) en substitución de Daniel Rey, asumindo ao mesmo tempo a xestión do proxecto do Campus do Mar. Vázquez, que ata o momento exercía como decana da Facultade de Ciencias do Mar, inicia este mandato cun proxecto dirixido a consolidar o centro como o referente estratéxico da investigación mariña no sistema galego de I+D+i e avanzar cara a unha posición de liderado internacional.
Co foco posto en promover proxectos europeos de grande envergadura e potenciar a economía azul, a nova directora remarcou tamén a importancia de poñer valor as infraestruturas singulares do centro —como a Ecimat, a batea experimental, o mesocosmos ou o novo buque oceanográfico— e de «situar as persoas no centro da estratexia». O seu plan inclúe fomentar unha gobernanza máis participativa, captar e reter talento e integrar a igualdade e a diversidade como eixes transversais da cultura organizativa.
David Patiño estará á fronte do Cintecx
A terceira das renovacións dáse no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), onde o catedrático na área de Máquinas e Motores Térmicos David Patiño toma a remuda de Ángeles Sanromán. Patiño, especialista en combustión de biomasa, combustibles renovables e modelización de procesos térmicos, asume a dirección «con moita ilusión, sentido da responsabilidade e vocación de servizo».
Cintecx, que conta coa colaboración de arredor de 220 persoas e un forte perfil de transferencia tecnolóxica e desenvolvemento de patentes, enfronta unha etapa clave de desenvolvemento. O obxectivo principal formulado por Patiño a medio e longo prazo é acadar a acreditación de excelencia dentro da Rede Cigus (á que actualmente pertence como centro colaborativo) e converter o Cintecx nun referente internacional no eido das tecnoloxías industriais e as enerxías sostibles.
Máis información no DUVI