O proxecto europeo Interreg Sudoe Newpower, coordinado dende a Facultade de Ciencias do campus de Ourense polos investigadores Gil Garrote e Pedro Miguel Ferreira Santos, deu un paso clave na transferencia de coñecemento científico ao medio rural cunha xornada técnica e de divulgación celebrada no concello de Riós. A iniciativa, desenvolvida xunto ao centro tecnolóxico Cetim e coa colaboración do Inorde, reuniu a veciñanza, produtores e expertos para amosar como a ciencia e a bioeconomía circular poden converter os residuos agroforestais en novas oportunidades económicas e ambientais para o territorio.
A través dun modelo de biorrefinería integral, Newpower procura transformar subprodutos da viticultura, da industria agroalimentaria e restos de rozas forestais en materias primas de alto valor engadido. Mediante tecnoloxías de extracción sostibles, o proxecto permite recuperar compostos bioactivos, ingredientes funcionais, azucres e biomateriais con aplicación directa en sectores estratéxicos como a alimentación, a cosmética, os bioplásticos ou os biocombustibles, ofrecendo así solucións reais ao problema da xestión de residuos no rural.
Cun orzamento de 1,3 millóns de euros financiados polo Fondo FEDER e a participación de 11 entidades de España, Portugal e Francia, o proxecto afronta xa a súa recta final de execución. Durante esta última fase, o consorcio internacional céntrase en validar as súas accións piloto e transferir as tecnoloxías desenvoltas ao tecido empresarial e ás administracións públicas, co obxectivo de que estes modelos de valorización da biomasa poidan ser replicados en diferentes rexións do espazo Sudoe.

Máis información no DUVI