A Oficina de Proxectos Internacionais participou, do 8 ao 11 de setembro en Glasgow, na 36.ª Conferencia da European Association for International Education (EAIE), un dos principais foros internacionais de educación superior. A representación da OPI, integrada na delegación galega xunto con representantes do programa Oportunius da Xunta de Galicia, permitiu reforzar os contactos con universidades e entidades de distintos países para promover as oportunidades de investigación e captación de talento de Galicia.
Durante a conferencia mantivéronse reunións con institucións internacionais e participouse en sesións técnicas da Comisión Europea sobre as convocatorias MSCA e ERC, ademais de coñecer novas ferramentas e servizos para mellorar a captación e acollida de persoal investigador internacional.
Como continuación desta actividade, a delegación galega mantivo un encontro con investigadores e investigadoras da Sociedade de Científicos Españoles no Reino Unido (SRUK/CERU), centrado en dar a coñecer o programa Oportunius e as oportunidades profesionais e de investigación existentes en Galicia. A reunión permitiu coñecer as experiencias e intereses destes investigadores e investigadoras españois e galegos residentes en Escocia e explorar novas vías de colaboración e retorno do talento.
Ambas as actividades permitiron reforzar a proxección internacional da UVigo e a súa conexión co talento investigador no exterior, ademais de xerar novos contactos para futuras colaboracións, accións de mobilidade e oportunidades de incorporación ao ecosistema galego de I+D+i.


Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033.