A UVigo promove as súas oportunidades de investigación entre a comunidade científica española no Reino Unido

Aproveitando a asistencia á conferencia EAIE, dous técnicas da OPI, xunto cunha delegación galega formada por representantes do programa Oportunius e outro técnico da OCPI da Universidade da Coruña (UDC), mantiveron un encontro con investigadores e investigadoras da Sociedade de Científicos Españoles no Reino Unido (SRUK/CERU).

A EAIE constitúe un dos principais foros internacionais de educación superior e reúne universidades e institucións de investigación de todo o mundo, polo que a participación da OPI permitiu, ademais de reforzar os contactos institucionais, aproveitar a presenza da delegación galega no Reino Unido para establecer un contacto directo coa comunidade investigadora española e galega no exterior.

O encontro con membros de SRUK/CERU centrouse en dar a coñecer o programa Oportunius e as oportunidades profesionais e de investigación existentes en Galicia, así como en presentar as posibilidades de incorporación, colaboración e retorno do talento investigador. A reunión permitiu tamén coñecer de primeira man as experiencias, intereses e expectativas de investigadores e investigadoras españois e galegos residentes en Escocia.

O encontro contribuíu a reforzar a proxección internacional da UVigo e a súa conexión co talento investigador no exterior, ademais de xerar novos contactos e explorar futuras vías de colaboración e oportunidades de incorporación ao ecosistema galego de I+D+i.

A iniciativa pon de manifesto a importancia de combinar a participación en grandes foros internacionais con accións de contacto directo coas comunidades investigadoras no exterior, favorecendo así a difusión das oportunidades de investigación de Galicia e o establecemento de redes de colaboración.

Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033.