A Universidade de Vigo participa no proxecto europeo Reliable – Revolutionizing Education and Learning through Intelligent AI-Based Learning Enhancement, financiado polo programa Erasmus+, que promove a integración da intelixencia artificial na educación superior dos Balcáns Occidentais.
A iniciativa pretende dar resposta a desafíos como as limitacións das infraestruturas dixitais, o predominio de metodoloxías docentes tradicionais e a necesidade de reforzar as competencias dixitais do profesorado universitario. Para iso, Reliable contempla o desenvolvemento de sistemas de aprendizaxe baseados en intelixencia artificial, a creación de contornas educativas adaptativas e a formación do persoal docente no uso destas tecnoloxías.
A participación da UVigo está coordinada por Martín Llamas, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador do centro atlanTTic, xunto cos profesores Manuel Caeiro e Fernando Ariel Mikic Fonte.
Reliable inclúe tres accións formativas internacionais dirixidas ao profesorado das institucións participantes. Tras unha primeira sesión celebrada en Alemaña, a seguinte terá lugar en Vigo e a terceira desenvolverase no Instituto Politécnico do Porto. Estas actividades permitirán compartir coñecementos, fortalecer a cooperación internacional e facilitar a transferencia das aprendizaxes ás universidades dos Balcáns Occidentais.
Ler a nova completa no DUVI