A UVigo fai seguimento do proxecto de cooperación para impulsar a cadea de valor da pesca en Ziguinchor

O pasado xoves 24 de setembro de 2026 celebrouse unha reunión institucional de traballo para facer seguimento do proxecto «Generación de negocios inclusivos y concienciación ambiental en la región de Ziguinchor», financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e liderado pola Universidade de Vigo. Esta iniciativa busca contribuír á mellora da produtividade, a cohesión social e a sustentabilidade ambiental da cadea de valor da pesca de Ziguinchor, no Senegal, mediante modelos innovadores de desenvolvemento económico baseados na economía circular.

Coordinado pola profesora Elena Gómez Costas, o proxecto ten como entidades socias ao Grupo Profand, S.L.U. e ao Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa (ICSEM). Na reunión, o Grupo Profand estivo representado polo seu director de Sostibilidade, Antonio Álvarez Sánchez, e ICSEM pola responsable de Administración, Sonia Domínguez, e a especialista en Desenvolvemento Local, Uxía Diz. O vicerreitor de Investigación, Manuel Martínez Piñeiro, presidiu a xuntanza na que tamén estiveron presentes a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea Oya, a coordinadora do proxecto e un membro do equipo, a profesora Begoña González de Prado.

Durante o encontro realizouse o seguimento das actividades desenvolvidas ata o momento xunto cos socios locais do proxecto: a Université Assane Seck, a ONGD Association Chez Campos e a empresa Complexe Senefand SUARL. Entre as actuacións levadas a cabo destaca a constitución do comité de seguimento e do comité técnico, así como o avance nas diferentes liñas de traballo previstas.

No marco das actuacións dirixidas ás cooperativas beneficiarias, a Universidade de Vigo e o Grupo Profand están a elaborar unha análise e un diagnóstico socioeconómico para coñecer a situación actual e identificar necesidades e oportunidades de mellora na cadea de valor da pesca. Ademais, Profand está a identificar as necesidades de equipamento e a realizar un inventario dos recursos dispoñibles para mellorar os procesos produtivos, coa previsión de que o equipamento necesario estea instalado a finais deste ano, especialmente o relacionado coas técnicas de manipulación de alimentos. Pola súa banda, ICSEM participa na elaboración da liña de base do proxecto e na planificación de futuras accións de capacitación dirixidas especialmente a mulleres e persoas novas, orientadas á xeración de valor engadido a partir dos produtos da pesca e ao impulso de novas oportunidades económicas na rexión.

Grazas a organización desta reunión institucional os socios do proxecto revisaron as diferentes actuacións, reforzaron os seus mecanismos de coordinación e definiron conxuntamente os próximos pasos para continuar avanzando nos obxectivos do proxecto na rexión de Ziguinchor, no Senegal.