A UVigo acolle unha reunión internacional para impulsar a educación superior en Kazakhstán

A Universidade de Vigo acolle a segunda reunión do consorcio internacional Edufusion NSG (Edu-Fusion Network for Sustainable Growth), un proxecto financiado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+ que busca transformar e modernizar o sistema de educación superior de Kazakhstán. A iniciativa, que se desenvolverá ata finais de 2028 e conta cun orzamento próximo ao millón de euros, está coordinada pola Universidade Técnica do Porto e ten a UVigo como único socio español.

O encontro reúne representantes de universidades de Europa e Kazakhstán para avaliar os avances acadados, coordinar as próximas fases de traballo e reforzar a cooperación internacional. A reunión céntrase especialmente na actualización das competencias do profesorado universitario, no desenvolvemento de programas de formación continua e na incorporación de metodoloxías pedagóxicas innovadoras.

Entre os obxectivos do proxecto destaca a integración de competencias dixitais, enfoques STEAM, aprendizaxe baseada en problemas reais e metodoloxías activas, especialmente nas áreas da enxeñaría e da tecnoloxía. Ademais, Edufusion NSG promove unha formación universitaria que incorpore dimensións sociais, éticas e ambientais, prestando especial atención á igualdade de xénero, á inclusión, á accesibilidade e á sustentabilidade.

A participación da Universidade de Vigo, coordinada por María Isabel Doval Ruiz, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social, reforza o compromiso da institución coa innovación educativa, a transferencia de coñecemento e a colaboración entre universidades. Esta reunión dá continuidade ao traballo iniciado en 2025 e contribúe a consolidar novas oportunidades de cooperación académica e mobilidade internacional.

Ler a nova no DUVI.