A Universidade de Vigo participa na Higher Education Transformation Week (HET Week), celebrada en Bruxelas, para dar a coñecer os seus proxectos europeos de transformación da educación superior. O encontro, promovido pola European University Foundation, reúne universidades e organizacións que traballan na innovación docente, a dixitalización, a mobilidade académica, a inclusión e a sustentabilidade no ámbito universitario.
A representación da UVigo está encabezada por responsables de dous proxectos Erasmus+ coordinados pola institución, MicroHEI e DACEM, así como por unha investigadora que participa en GreenEURproject. A presenza neste foro internacional permite compartir os resultados das iniciativas, intercambiar boas prácticas con outras institucións europeas e explorar novas oportunidades de colaboración académica.
Microcredenciais, mobilidade dixital e sustentabilidade
Un dos proxectos destacados é MicroHEI, centrado no uso das microcredenciais para impulsar o desenvolvemento profesional do persoal universitario. Cun orzamento de 400.000 euros e unha duración de 36 meses, a iniciativa reúne seis institucións europeas para favorecer o recoñecemento da formación e o desenvolvemento de competencias dixitais, verdes e inclusivas.
Pola súa banda, DACEM busca mellorar a mobilidade académica europea mediante a dixitalización dos catálogos de materias e a optimización dos procesos de xestión da mobilidade Erasmus+. O proxecto tamén promove a colaboración entre universidades para facilitar o deseño de ofertas formativas conxuntas e reducir a duplicación de datos nos sistemas de información.
A sustentabilidade é o eixo de GreenEURproject, unha iniciativa europea coordinada pola Université de Lorraine na que participa a UVigo. O seu obxectivo é reducir o impacto ambiental dos proxectos internacionais mediante a incorporación de prácticas máis sostibles desde a planificación ata a execución das actividades.
Cooperación universitaria e novas oportunidades europeas
A participación na HET Week tamén permite á Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo coñecer novas tendencias na educación superior, establecer contactos con potenciais socios e identificar futuras liñas de cooperación. Esta actividade enmárcase no traballo da UVigo para impulsar a súa presenza nas redes europeas, apoiar o desenvolvemento de proxectos internacionais e contribuír á transformación dixital, inclusiva e sostible da educación superior.
Ler a nova no DUVI.


