Proxectos sen nesgos: claves para incorporar o sexo e o xénero na investigación

O CINBIO organizou unha xornada formativa aberta a todas as disciplinas, coa nanomedicina como caso práctico.

O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo, pertencente á Rede CIGUS, celebrou o venres 16 de outubro a xornada Proxectos sen nesgos: Perspectiva de xénero na investigación en nanomedicina, na sala de formación do Espazo INCUVI do campus de Vigo. A actividade contou co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, no marco das súas axudas para accións de sensibilización en materia de xénero.

O obxectivo da xornada foi ofrecer ferramentas para identificar e incorporar a perspectiva de sexo e xénero nos proxectos de investigación. Aínda que a nanomedicina serviu como caso de referencia, os contidos tiveron un enfoque transversal, pensado para persoal investigador de calquera ámbito e sen necesidade de coñecementos previos na materia.

A apertura correu a cargo de Eloína Ingerto López, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, e de Noa Caramés Vila, xestora do CINBIO. A continuación, tres especialistas abordaron a cuestión desde diferentes ángulos:

  • Lydia González Orta, colaboradora da Unidad de Mujeres y Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, profesora axudante doutora na Universidad de Oviedo e antiga Punto Nacional de Contacto de Horizonte Europa para xénero e inclusión, explicou como a dimensión de sexo e xénero pasa das políticas de I+D+i ás propostas.
  • Víctor Arce, catedrático de Fisioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, analizou onde aparecen os nesgos na investigación e por que importan.
  • Puerto Morales, profesora de investigación do ICMM-CSIC e coordinadora da Conexión Nanomedicina CSIC, achegou a súa visión desde a práctica investigadora.

Na segunda parte, un obradoiro práctico propuxo ás persoas participantes revisar un proxecto inspirado na nanomedicina para detectar nesgos ou aspectos non considerados e mellorar o seu deseño. Despois, a posta en común serviu para extraer ferramentas e recomendacións aplicables a proxectos doutras áreas, antes dun debate aberto.

Á xornada asistiron tamén dúas técnicas da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo, co fin de actualizar os seus coñecementos nesta materia e incorporalos ao asesoramento que ofrecen ao persoal investigador na preparación de propostas a convocatorias competitivas, especialmente en Horizonte Europa, onde a dimensión de sexo e xénero se valora dentro da excelencia científica dos proxectos.