Técnicas da OPI participan no encontro da ERCEA en Bruxelas sobre xestión de axudas ERC en Horizonte Europa

Persoal técnico da Oficina de Proxectos Internacionais asistiu en Bruxelas a dúas xornadas de formación dirixidas ás institucións que acollen proxectos do Consello Europeo de Investigación.

A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo participou os días 21 e 22 de outubro no ERCEA Horizon Europe Grant Management Event for EU/AC Host Institutions, organizado pola Axencia Executiva do Consello Europeo de Investigación (ERCEA) no seu edificio Covent Garden de Bruxelas.

O encontro, dirixido ás entidades que acollen proxectos ERC nos Estados membros e países asociados, comezou cunha presentación do Departamento de Xestión de Axudas da ERCEA e cunha sesión sobre os esquemas de financiamento a tanto alzado (lump sum), incluída a súa aplicación na fase de avaliación das Advanced Grants.

O resto do programa organizouse en obradoiros prácticos en grupos reducidos, impartidos por persoal da propia axencia, que abordaron os principais aspectos da xestión dun proxecto ERC:

  • Concesión da axuda e financiamento adicional
  • Custos de persoal: rexistro de horas, tempo produtivo e cálculo
  • Informes financeiros e custos de compras
  • Modificacións (amendments) do acordo de subvención
  • Terceiros, entidades afiliadas, socios asociados e subcontratación
  • Auditorías, erros frecuentes e certificados dos estados financeiros (CFS)

A participación neste tipo de foros permite á OPI coñecer de primeira man os criterios e as novidades da ERCEA e trasladalos ao apoio que ofrece ao persoal investigador da Universidade de Vigo, tanto na preparación de propostas como na xestión dos proxectos ERC concedidos.