Unha técnica de atracción de talento da Oficina de Proxectos Internacionais asistiu, por invitación, ao principal encontro da rede europea de apoio ás carreiras investigadoras.
Unha técnica de atracción de talento da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo participou, por invitación, na Conferencia Bienal EURAXESS 2026, celebrada en Sofía (Bulgaria) do 28 ao 30 de outubro. Baixo o lema Evolving EURAXESS in a Changing World, o encontro foi organizado pola rede EURAXESS de Bulgaria, coordinada pola Universidade de Sofía “San Kliment Ohridski”, e reuniu representantes nacionais e axentes da rede de toda Europa.
EURAXESS é unha iniciativa do Espazo Europeo de Investigación, posta en marcha en 2004, que ofrece información e asistencia a investigadoras e investigadores que queren desenvolver a súa carreira en Europa ou cambiar de país. Hoxe conta con preto de 200.000 persoas usuarias rexistradas e 30.000 organizacións, e publica cada ano máis de 80.000 ofertas de emprego investigador.
A conferencia, que se celebra regularmente desde 2011, abordou nesta edición algúns dos grandes retos actuais das carreiras investigadoras:
- A competencia global polo talento investigador
- A mobilidade e a integración do persoal investigador
- O desenvolvemento profesional nas carreiras investigadoras
- A seguridade na investigación nun contexto xeopolítico cambiante
- Os ecosistemas de investigación inclusivos
- A cooperación entre representantes nacionais, centros de servizo EURAXESS e institucións de investigación
A participación estaba reservada aos membros da rede. As prazas para España asignounas a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), coordinadora nacional de EURAXESS, en función da implicación de cada entidade na iniciativa.
A presenza da OPI neste foro reforza o vínculo da Universidade de Vigo coa rede EURAXESS e permite incorporar novas ferramentas e experiencias ao servizo de captación e acollida de talento investigador internacional da universidade.


