Socios de oito países participan esta semana en Vigo na reunión de lanzamento dun proxecto europeo que ten como principal obxectivo a creación dun catálogo dixital de cursos para centros de ensino superior, unha medida coa que se busca que os estudantes potenciais, sobre todo aqueles interesados en facer unha mobilidade, se poidan informar de xeito doado sobre os destinos posibles, os recursos dispoñibles e a oferta de programas e cursos de cada un destes centros. Así o explicou este mércores no edificio Redeiras o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Manuel Caeiro, líder do proxecto, ao inicio dunha xuntanza que contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen resaltou a importancia de incentivar todas as actividades que axuden a promover a mobilidade entre as universidades europeas, unha idea na que tamén fixo fincapé a directora de Área de Proxectos Internacionais Educativos, Eva Garea.
Bautizado como DACEM, Digitising Academic Catalogues for Enhanced Mobility, este proxecto foi aprobado na convocatoria de 2023 do programa Erasmus+ de Asociacións de Cooperación en Educación Superior e conta cun financiamento total de 400.000 euros, correspondéndolle á Universidade de Vigo a súa coordinación xeral. Entre os socios atópanse algunhas das universidades da rede ATHENA -Universidade de Maribor en Eslovenia e Universidade de Orleans en Francia-, así como a Universidade de Thessalias, en Grecia; Tallinn, en Estonia; Charles, na República Checa; a European University Foundation, de Luxemburgo; a European Students Network, con sede en Bélxica, e unha pequena empresa de Portugal vinculada co Politécnico de Porto (Virtual Campus).