Representantes da Axencia Galega de Innovación xunto coa Secretaría Xeral da Emigración – Xunta de Galicia, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo presentaron en París (Colegio de España) as oportunidades do ecosistema de I+D+i galego na asamblea da Sociedad de Investigadores Españoles en Francia – SIEF. Esta acción enmárcase na campaña da Xunta de Galicia para fomentar o retorno do persoal investigador galego no exterior e atraer novos perfís científicos de alto nivel.
Entre as iniciativas dadas a coñecer destaca o programa OPORTUNIUS que busca atraer e reter a titulares das prestixiosas axudas do European Research Council (ERC).
Unha técnica da OPI-Investigación presentou a ampla capacidade en I+D da UVigo, dando a coñecer os seus centros de excelencia e programas de apoio á investigación. A participación neste evento reforza o compromiso da universidade por posicionarse como un actor clave no ecosistema global de investigación e innovación, atraendo talento e consolidando o seu liderado en proxectos de colaboración internacional.


