WE’RE IN. Un cómic, a historia de catro mulleres e o reto de fomentar o emprendemento feminino.

Fomentar o emprendemento feminino ilustrando a mulleres de calquera idade e formación sobre conceptos básicos que deben ter en conta se queren crear a súa propia empresa. Con este obxectivo presentouse este venres en Santiago de Compostela o cómic Mulleres en acción. Unha guía para o emprendemento. Trátase dunha iniciativa liderada desde a Universidade de Vigo polo Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen), no marco do proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE’RE IN!. Na publicación, catro mulleres decididas a pór en marcha os seus propios proxectos empresariais inician na Ribeira Sacra unha viaxe que as levará a percorrer os camiños do emprendemento e diferentes países da Unión Europea.

A presentación do cómic contou coa participación de Elena Rivo, profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense que dirixe o proxecto; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, e María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade. O escenario no que xorde este proxecto, destacouse na súa presentación, é o da escasa dimensión do emprendemento feminino en Europa, lembrando datos como que no período 2018-2019, a taxa de emprendemento feminino na UE foi do 6,3%, o que representaría aproximadamente unha cuarta parte da observada para os homes. Na súa intervención, Román Rodríguez trasladou os parabéns por esta iniciativa a prol da igualdade entre homes e mulleres e subliñou a importancia de fomentar este tipo de valores entre o alumnado desde as etapas temperás desde a cultura e a educación. Pola súa banda, María Jesús Lorenzana destacou a importancia de iniciativas como esta que serven de catalizadoras para explicar de maneira simplificada os primeiros chanzos dun proxecto de emprendemento.

Ler a nova completa no DUVI