Abarcan temas como contaminación de augas, xestión de residuos agrícolas ou prevención de incendios
Presentáronse seis propostas e concedéronse catro. Nunca antes a Universidade de Vigo acadara unha taxa de éxito tan elevada nas diferentes convocatorias do Programa Interreg Sudoe, financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder, e dedicado á cooperación transnacional. A UVigo coordina dous destes proxectos, financiados con 3,21 millóns de euros, e participa noutros dous cuxo financiamento roza os 5 millóns. Son en total máis de 8 millóns de euros dos que preto de 700.000 lle corresponden de xeito directo á institución académica viguesa.
Os proxectos aprobados son froito de consorcios compostos por socios públicos e/ou privados procedentes de rexións de diferentes países do sudoeste europeo, incluíndo España, Portugal, Francia, Xibraltar e Andorra. Presentáronse a este programa un total 144 propostas, das que finalmente se concederon 34, en catro das cales participa a Universidade de Vigo: por unha banda, Aquapred, Sistema de control e prevención de contaminantes en augas mineromedicinais mediante Intelixencia Artificial, e NewPower, Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables, coordinados ambos pola Universidade de Vigo, e, pola outra, Alert-PFAS, Estratexia transnacional para detectar e previr a contaminación por PFAS, e Use4Forest, Estratexia para a prevención de incendios no Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais.
