David Posada lidera a lista dos 43 investigadores da UVigo máis citados do mundo segundo o ránking de Stanford
O catedrático ocupa o posto 11 dentro da súa área de coñecemento e o 727 na listaxe global. A edición 2024 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist sitúa 43 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo entre os máis citados do mundo. Segundo esta clasificación, elaborada pola Universidade de Stanford e Elsevier, son dez máis dos que aparecían na listaxe do pasado. O catedrático de Xenética David Posada, pertencente ao Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, é o primeiro clasificado da UVigo, no posto 727 da listaxe global e no posto 11 entre os mellores do mundo dentro da súa área de coñecemento.
David Posada, á cabeza dos máis citados da UVigo
Con 74.016 (citas excluíndo as autocitas) e 180 papers publicados dende 1998, o catedrático David Posada encabeza, un ano máis, a lista de científicos e científicas da Universidade de Vigo na listaxe que pondera a carreira completa. En concreto, ocupa o posto 727 cun índice H de 54 excluíndo as autocitas e de 58 tendo en conta todas as citas. Tras el, aparece Jianbo Xiao, do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias e membro do Agroecolox, no posto 13.899 con 19.589 citas e 608 artigos publicados dende 2004. O terceiro posto volve ser tamén para Ramón Hermida, do grupo de investigación Bioenxeñería e Cronobioloxía e membro do centro atlanTTic, que aparece no posto 44.752 con 8037 citas e 363 artigos publicados dende 1982.
Completan os primeiros postos da clasificación os catedráticos Jesús Simal-Gándara, do Química analítica e alimentaria e membro do centro de investigación Cispac, que ocupa o posto 44.996 e Armando Caballero, do Departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía e membro do CIM, que aparece no 51.408.