De Macau a Vigo para reforzar o ámbito agroalimentario e impulsar a agrupación estratéxica Citaca

Tras ser seleccionado no programa de captación de talento HCR da UVigo 2020, o investigador chinés Jianbo Xiao acaba de incorporarse ao grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo, no que desenvolverá o seu labor os próximos tres años. Procedente da Universidade de Macau, Jianbo Xiao asegura que a súa chegada á Universidade de Vigo “significa un novo comezo, un novo paso e unha nova vida para min”, e tamén para a súa familia ao completo, coa que o investigador viaxou desde China á cidade olívica, na que nunca antes estivera, pero da que asegura ter aprendido moito a través de internet. “Aínda que souben de Vigo desde o ano 2015 por un colega internacional, foi en 2017 cando me puxen en contacto por vez primeira co profesor Jesús Simal-Gándara e desde 2019, cooperei con el en investigación e publicando”, explica o estudoso dos polifenoles dietéticos, nado en 1979 en Juiangsu (China), e que desde o ano 2016 foi incluído catro veces na listaxe de Clarivate Analytics Highly Cited Researchers.

“Jianbo Xiao vén a reforzar o ámbito agroalimentario, un dos ámbitos polos que aposta a Universidade de Vigo, e que pretendemos que remodele e transforme a agrupación estratéxica Citaca nun futuro centro de relevancia internacional no eido agroalimentario”, explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, en relación á incorporación do investigador chinés. Pola súa banda, o catedrático Jesús Simal, coordinador do grupo AA1, destaca que “sumar investigadores deste calibre é de grande interese para a Universidade, sobre todo porque permite nuclear estruturas de investigación supra-grupais que fagan posible dar visibilidade á institución no estranxeiro”, unha idea que Rubio comparte, ao tempo que lembra que a incorporación destes investigadores e investigadoras Highly Cited, “supón ademais, unha mellora directa na posición da UVigo nos ránkings máis importantes do mundo, en particular no de Shanghai, onde o número de HCR representa unha alta porcentaxe nos indicadores considerados””, detalla a vicerreitora.

Ler a nova completa no DUVI