Ata o vinveiro 31 de xullo está aberto o prazo para presentar proxectos á segunda edición de In-Teams, un programa de emprendemento que busca favorecer a creación de equipos e proxectos empresariais que traballen sobre ideas de negocio no Campus Crea da Universidade deVigo.
Este martes, na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, representantes da Universidade de Vigo e da Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra) explicaban en que consiste a convocatoria. Por parte da UVigo, Eva María Lantarón, a vicerreitora do campus de Pontevedra, e José María Cancela, coordinador da Rede Eusumo na UVigo. E por parte da asociación empresarial, María Buceta, a presidenta de AJE-Pontevedra.
In-Teams é un programa de emprendemento que pretende favorecer a creación de equipos que traballarán sobre ideas ou resultados de investigación do Campus Crea para crear proxectos empresariais viables que se constitúan en entidades de economía social. Os participantes poderán compartir coñecementos e habilidades cun equipo multidisciplinar e recibir formación especializada, así como apoio de persoas expertas para axudar a construír un proxecto empresarial viable en espazos de traballo colaborativo.