A EET contará cun ‘lugar de descanso’ para que os estudantes se relaxen nunha contorna virtual.
A UVigo será unha das primeiras a nivel mundial en empregar a realidade virtual para reducir a ansiedade e o estrés do alumnado universitario. Farao como socia do proxecto europeo VRxanny, Virtual reality for anxiety and mental stress reduction in university students, un traballo financiado polo programa Eramus+ con 300.000 euros, liderado pola Universidade Politécnica de Lodz en Polonia e do que tamén forman parte a Universidade de Lodz e a Tartu Ulikool, o centro de ensino superior máis antigo de Estonia. No mes de decembro tivo lugar en Lodz a reunión de lanzamento do proxecto e nela contouse coa participación do profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, un dos once investigadores da Universidade de Vigo que forma parte do equipo de traballo encargado da posta en marcha e desenvolvemento do proxecto.