O proxecto Justisigns 2 nace co obxectivo de analizar as situacións comunicativas, mediadas por intérprete, na atención ás vítimas de violencia de xénero que son xordas ou migrantes que falan linguas de menor difusión. O primeiro paso para logralo foi a realización dunha enquisa, levada a cabo en Irlanda, Reino Unido e España, grazas a que se estableceron as carencias e necesidades deste tipo de comunicación. A partir dos resultados acadados elaboráronse recursos tanto para intérpretes como para as e os profesionais que as atenden nos diferentes ámbitos (xustiza, sanidade, seguridade, traballo social, etc.).
As actividades organizadas ata o momento por Justisigns 2 buscan, ademais da difusión do proxecto, a aplicación dos recursos creados na formación de intérpretes profesionais e futuras intérpretes nas particularidades da interpretación en contextos de violencia de xénero. En concreto, no que vai de ano tiveron lugar tres eventos relacionados co proxecto por parte da Universidade de Vigo e liderados pola coordinadora do proxecto na universidade Maribel del Pozo Triviño.
En xaneiro realizouse a presentación de Justisigns 2 ante o grupo GRADES (Grupo de Investigación Gramática, Discurso e Sociedade). Durante o transcurso desta actividade de difusión, ademais de abarcar o tema da violencia de xénero (definición, lexislación vixente, accesibilidade actual á atención ás vítimas de violencia de xénero), revisáronse as crenzas e coñecementos dos asistentes sobre a comunidade xorda e mostráronse as opinións manifestadas polas traballadoras da comunidade xorda galega. Por outra parte, compartíronse os resultados que obtivo Justisigns 2 ata ese momento, entre os que se atopaban un cuestionario con informe de resultados no que se reflexa a percepción de profesionais e intérpretes e un curso de formación para cubrir as necesidades detectadas.
A Masterclass “Interpretar para as vítimas (de violencia de xénero) no ámbito policial e xudicial” no Mestrado de Tradución Xurídica e Interpretación xudicial da UAB (Universidade Autónoma de Barcelona) celebrouse en febreiro. O obxectivo era que tras a mesma os asistentes acadasen as destrezas necesarias para poder traballar coas vítimas de violencia de xénero. Para logralo era necesario que entenderan a natureza da violencia de xénero, adquirisen un coñecemento profundo dos diferentes ámbitos de atención e asistencias ás vítimas e aprenderan a identificar e reaccionar entre os factores psicolóxicos e emocionais. Polo que entre os temas tratados fíxose unha revisión da lexislación, a situación das mulleres migrantes e as necesidades de formación das e dos profesionais. Ademais, centrándose no eido xudicial e policial explicáronse os procesos asistenciais, policiais e penais polos que pasa a vítima e como traballar coas forzas de seguridade.
Entre os últimos eventos que levaron a cabo, en marzo realizouse o obradoiro “Interpretación en contextos de lingua de xénero” organizado por ASETRAD (Asociación Española de Tradutores, Correctores e Intérpretes) no que participou a Universidade de Vigo. No mesmo, ademais de presentar o proxecto e os resultados acadados, establecéronse unha serie de obxectivos, entre outros: revisar a lexislación que asiste ás vítimas, en especial en relación ós seus dereitos lingüísticos; proporcionar explicacións contextuais sobre a violencia de xénero e o seu impacto nas mulleres estranxeiras; reflexionar sobre a necesidade de especializarse para garantir a calidade da interpretación con vítimas de violencia de xénero, etc.


A acollida das persoas asistentes a todas as actividades foi moi boa, xa que ata agora non existían recursos formativos tan necesarios neste eido ou estaban incompletos, deixando a unha parte da poboación nunha situación de vulnerabilidade aínda maior. O éxito foi tal que varias persoas manifestaron a súa vontade de colaborar co proxecto algo que dende Justisigns2 reciben cos brazos abertos.