Os días 15 e 16 de novembro, a Universidade de Vigo estivo representada na Xornada de Apoio Inicial ás Asociacións de Cooperación Erasmus+ 2023 organizada polo Servicio Español para a Internacionalización de la Educación (SEPIE) para as entidades españolas beneficiarias de novos proxectos KA2, un evento clave no noso país no ámbito da cooperación internacional educativa.
Os docentes da UVigo, Manuel Caeiro, coordinador do proxecto DACEM, Tony Crespo, coordinador do proxecto Up2You, xunto coa Directora de Proxectos Internacionais, Eva Garea e a profesora Elena Velando participaron activamente nestas xornadas nas que se presentaron os resultados de proxectos aprobados en España nesta convocatoria altamente competitiva de Erasmus+ 2023 de Asociacións para a Cooperación, na que a UVigo foi unha das poucas entidades que resultou beneficiaria de dúas propostas innovadoras: DACEM, Digitalising Academic Catalogues for Enhanced Mobility, e UP2You, Upgrading university pathways to promote bottom-up sustainable and inclusive development, cunha subvención de 400.000 euros cada unha delas.
O equipo da UVigo uniuse aos novos coordinadores de proxectos KA2 dos sectores da educación superior, escolar, formación profesional e de adultos, para coñecer os primeiros pasos na xestión diaria desta nova xeración de proxectos, así como compartir boas prácticas. Neste evento celebrado na Universidade de León e convocado polo SEPIE organizáronse diferentes sesións formativas en torno as características dos novos convenios de subvención, as ferramentas e plataformas de xestión técnica destes proxectos, ou o procedemento de control e elaboración de informes, entre outros temas relevantes para a cooperación e coordinación de partenariados internacionais.
A presenza activa dos representantes da UVigo en diversos momentos das xornadas, entre sesións temáticas, obradoiros prácticos de xestión e mesas redondas intersectoriais, puxo de relevancia a dedicación da nosa institución á excelencia académica e á cooperación internacional. Ademais, compartiron experiencias sobre o deseño web para proxectos, a adecuada difusión de iniciativas Erasmus+, así como a importancia do ensino e aprendizaxe de linguas nestes contextos a través do Selo Europeo de Linguas.
O evento proporcionou un espazo inestimable para o intercambio de boas prácticas, destacando a colaboración entre os proxectos Up2You e DACEM recentemente aprobados como exemplos de proactividade e excelencia na cooperación educativa e profesional.
Segundo Manuel Caeiro, “por unha banda, as xornadas foron moi intensas e un tanto desbordantes, con moitísima información e deberes que temos que cumprir no desenvolvemento do proxecto, considerando sobre todo o seguimento e avaliación das que vamos a ser obxecto. Agora ben, pola outra banda, tamén nos permitiu coñecer ás persoas que van a estar detrás da burocracia e poñerlles nome e cara, co que todo resulta máis amable e accesible. En calquera caso, dentro desta perspectiva humana, o máis positivo foi coñecer a compañeiros e compañeiras doutras universidades e entidades que coma nos se acaban de embarcar en novos proxectos e cos que compartimos tanto incertezas como ilusións.”
Toñy Crespo subliñou que ‘’esta experiencia permitiunos coñecer de primeira man o punto de vista dos avaliadores dos proxectos que estamos a presentar nas convocatorias europeas e o que a Axencia Nacional Erasmus + espera dos mesmos en aspectos relacionados coa súa xestión e o seu control, que son elementos que tamén resultan de vital importancia para acadar o nivel de calidade e eficacia que un proxecto desta entidade require, e que moitas veces quedan en segundo plano ao centrar o noso maior esforzo no desenvolvemento da proposta aprobada na convocatoria”.
“É fundamental para nós participar en eventos coma este, onde se comentan e analizan cales son as claves de éxito na implementación de proxectos internacionais e se debaten as últimas tendencias e estratexias en materia de cooperación e de presentación de proxectos europeos no marco do programa Erasmus+. Permítenos enriquecer as nosas futuras iniciativas de proxectos escoitando novas ideas e prácticas innovadoras“, comentou Eva Garea.

O encontro culminou cunha sesión de conclusións e clausura, onde se salientou a aprendizaxe obtida e se reafirmou a aposta da UVigo polo fortalecemento de alianzas internacionais e o desenvolvemento de proxectos educativos en beneficio das comunidades universitarias, especialmente do seu alumnado, e da sociedade en xeral.
Para obter máis información sobre os proxectos da OPI UVigo e a participación en programas de cooperación, estades convidados a visitar a web oficial da Universidade.