O catedrático Luiz Liz acada un Synergy Grant cun orzamento de 9 m€ para desenvolver nanopartículas á carta

É a quinta axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC) que obtén o catedrático da UVigo.

A traxectoria investigadora do catedrático da UVigo e profesor Ikerbasque de CIC biomaGUNE Luis Liz Marzán acaba de ser merecedora dun novo recoñecemento internacional. O Consello Europeo de Investigación (ERC) concédelle un dos prestixiosos Synergy Grant, unha axuda que ten como obxectivo financiar proxectos de investigación moi ambiciosos e de alto risco que involucren grupos de diferentes disciplinas e de diferentes países. En total, o científico galego contará cun orzamento de 9.272.460 euros para levar a cabo o proxecto Chiral-Pro que se centrará en desenvolver nanopartículas que recoñezan proteínas. Farao a través dun consorcio formado polo grupo de Materiais Biomiméticos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e do grupo de BioNanoPlasmónica de CIC biomaGUNE, ambos liderados polo profesor Liz Marzán, xunto co grupo da profesora Sara Bals, da Universidade de Amberes e o grupo do profesor Nicholas A. Kotov, da Universidade de Michigan.

Máis información

CINBIO

Prensa