O 30 de outubro o proxecto europeo EC4RURAL presentou na Universidade de Vigo os seus resultados e as súas propostas nunha conferencia dirixida ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. A xornada, que se desenvolveu de 13.00 a 14.30 horas, abordou os desafíos e as solucións para a mellora da autonomía enerxética e a sustentabilidade nas zonas rurais, facendo fincapé na relevancia da participación activa das comunidades e dos futuros profesionais no desenvolvemento de modelos enerxéticos máis sostibles e inclusivos.
A estrutura da conferencia comezou cunha introdución aos problemas estruturais das zonas rurais, como a dispersión territorial e as limitacións económicas, e explorou como a dependencia dos modelos centralizados de subministración eléctrica afecta á viabilidade destas zonas. A continuación, EC4RURAL expuxo a intersección entre estes problemas e a organización da subministración eléctrica a través de dous modelos posibles: descentralizado e distribuído. Este último foi destacado como a mellor opción para o rural, ao permitir que a propia comunidade xestione a súa produción de enerxía renovable, de xeito localizado e promovendo así a autosuficiencia.

Máis información