Contou con 8 millóns de euros do programa Horizonte 2020. A metodoloxía empregada podería aplicarse para entender mellor o impacto positivo que as áreas mariñas protexidas teñen en especies, grupos sociais ou sectores como o turístico
O proxecto europeo FutureMARESdemostrou a efectividade das solucións baseadas na natureza (SBN) para mitigar os efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños. Na iniciativa participaron 32 institucións de 17 países, entre as que se atopa o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), e contaba con máis de 8 millóns de euros de financiamento polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea. O traballo deu resposta a preguntas fundamentais relacionadas co deseño, aplicación, e efectividade das solucións baseadas na natureza (SBN) e foi liderado polos investigadores Juan Bueno Pardo e Elena Ojea do CIM. Concretamente, Elena Ojea afirmou que “se identificaron as prioridades de conservación e restauración de especies e espazos naturais, os mellores momentos para levar a cabo estas actuacións, e os axentes sociais que poden ser de interese para o desenvolvemento de SBN. Tamén se desenvolveron varias ferramentas para a avaliación do efectividade das SBN, no noso caso baseadas en indicadores e opinión de expertos”. A iniciativa tamén tivo unha compoñente práctica de campo con experimentos de restauración in situ. Neste ámbito, o proxecto mellorou diferentes protocolos de avaliación de impacto do cambio climático en organismos mariños e axudou a desenvolver técnicas de medida de estrés fisiolóxico in situ.