WORLDPLACES. O proxecto europeo Worldplaces aposta por fomentar a integración laboral das mulleres migrantes.

O mercado laboral é un dos principais escenarios nos que se materializa e se reproduce a desigualdade de xénero. Se á condición de ser muller se lle une ademais a de ser migrante, os retos multiplícanse na loita pola igualdade. Neste contexto, o proxecto europeo Worldplaces, no que participa un grupo multidisciplinar de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, aposta polo fomento da integración laboral das mulleres migrantes a través da creación de redes de mulleres. A hindú Priya Ghosh é a primeira “embaixadora” desta iniciativa na UVigo.

O proxecto Worldplaces. Workplaces working for women’s integration está financiado pola Comisión Europea a través da Convocatoria AMIF-2020-AG-CALL (Transnational Actions on Asylum, Migration and Integration). Cun orzamento total de arredor dun millón de euros, na iniciativa participan xunto á UVigo entidades de Grecia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia e Austria, sendo liderada pola Cooperativa Sociale Quid de Verona (Italia). No caso da Universidade de Vigo, participa a través de atlanTTic persoal docente e investigador da Facultade de Educación e Traballo Social; da Facultade de Filoloxía e Tradución e da Escola de Enxeñería de Telecomunicación. Coordinado polo catedrático Manuel Fernández, o equipo de Worldplaces na UVigo está integrado por Pino Díaz; Carmen Ricoy; Edita de Lorenzo; Maribel del Pozo, Íñigo Cuíñas; Enrique Costa; Manuel Caeiro e Joseba Delgado

Ler a nova completa no DUVI