“Imaxinar como tería sido a historia se determinados feitos históricos concretos non tiveran acontecido”. Esta idea, como sinala a profesora da Facultade de Dirección e Xestión Pública Rosa Ricoy, constitúe un dos puntos de partida do proxecto europeo Hypotesis you preserve (HYP), que convida á cidadanía a articular, a través de “formatos creativos, unha historia alternativa” que permita pór en valor as achegas da Unión Europea en múltiples eidos. Financiado polo programa comunitario Europa Creativa, trátase dun proxecto coordinado pola Universidade do Porto, no que participan a UVigo e a École Pratique des Hautes Études de París e no que se insire o congreso internacional que o 17 e 18 de setembro terá lugar nas facultades de Dirección e Xestión Pública e Belas Artes. Aberto á cidadanía, no programa deste congreso insírense tanto unha serie de conferencias como unha ruta por Pontevedra e un taller de creación de fanzines, dirixidos a xerar materiais que se incorporarán a unha “enciclopedia dixital colaborativa” que reúna esas historias alternativas creadas ao abeiro deste proxecto.
“O pano de fondo do proxecto é tratar de valorizar o que supón a Unión Europea nas nosas vidas”, sinala Ricoy, responsable na UVigo dun proxecto que se estenderá ata 2026 e no que os diferentes materiais xerados iranse reunindo nas webs que poñan en marcha as tres institucións socias. Deste xeito, a súa aposta porque as e os participantes dean forma, “a través de formatos dixitais”, a unha historia alternativa pretende promover unha reflexión sobre cuestións “das que moitas veces non somos conscientes”, como o que ten suposto “o desenvolvemento da Unión Europea en ámbitos como o económico, o tecnolóxico, o impulso de enerxías verdes ou os dereitos e liberdades”, así como reflexionar tamén sobre a integración europea desde unha perspectiva de xénero, explica Ricoy.
Conferencias e talleres abertos á cidadanía
A primeira acción pública que se desenvolve na UVigo ao abeiro deste proxecto será o congreso que o vindeiro martes 17 terá lugar en Dirección e Xestión Pública e ao día seguinte en Belas Artes. Alén das reunións de traballo dos socios e socias do proxecto, no programa deste evento insírense unha serie de conferencias abertas á cidadanía, que poderán seguirse tanto de xeito presencial como virtual. Máis concretamente, as dúas xornadas contarán cun relatorio da investigadora da Universidade do Porto Ana Silveira Moura sobre o subxénero de ficción de historia alternativa Winepunk, así como con dúas conferencias de Samuel Etienne, da Éscole Pratique des Hautes Études, sobre creación de fanzines. Este evento contará tamén cos relatorios de María João Fonseca, do Museo de Historia Natural e da Ciencia da Universidade do Porto, e da propia Ricoy, que porá en relación a historia alternativa coa xustiza, equidade, sustentabilidade e gobernanza.
Ler a nova no DUVI