Promovidos pola Comisión Europea, os premios BeActive Awards buscan recoñecer persoas e iniciativas centradas na promoción do deporte e a actividade física, como é o caso de In Common Sports (Intergenerational Competition as Motivation for Sport and Healthy Lifestyle of Senior Citizens), un proxecto que tiña como obxectivo profundar no coñecemento dos factores que motivan á práctica de exercicio físico entre as persoas maiores e entre os seus socios ao grupo de investigación HealthyFit, da Universidade de Vigo. Coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e financiado polo programa Erasmus+ Sport, In Common Sports converteuse nun dos doce finalistas destes galardóns europeos, aos que se presentaron máis dun centenar de candidaturas.
In Common Sports é un dos tres finalistas na categoría Across Borders, para proxectos que promoven o deporte interxeracional, destes galardóns, que se entregarán o 23 de novembro en Bruxelas. “A verdade é que ser un dos tres seleccionados foi unha sorpresa e alegría para todos os socios do proxecto, que reforza o traballo realizado e a implicación de cada un dos concellos nos que se desenvolveron os adestramentos semanais e as olimpíadas sénior”, salienta o investigador principal do grupo HealthyFit, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela.