O proxecto In Common Sports gaña un premio da Comisión Europea pola súa promoción do deporte interxeracional

O proxecto In Common Sports proclamouse na noite deste xoves gañador dun dos premios BeActive Awards que outorga a Comisión Europea a persoas e iniciativas centradas na promoción do deporte e a actividade física. Esta iniciativa, liderada pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, conta entre os seus socios co grupo de investigación do campus de Pontevedra HealthyFit e ten como obxectivo analizar os factores que motivan ás persoas maiores a realizar exercicio físico e coñecer os beneficios de participar en competicións deportivas. O proxecto, financiado polo programa Erasmus+ Sport, impúxose na categoría Across Borders, á que se presentaron un cento de candidaturas, das que só 12 pasaron á final. 

O encargado de recoller o galardón en Bruxelas foi o alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, que destacou en nome do concello de Vila Nova de Cerveira e de todos os socios europeos do proxecto “a honra e o gran pracer” que supón “recibir este recoñecemento da Comisión Europea”. Ademais, tamén salientou que o proxecto supón “un valor engadido para a comunidade, mantendo as persoas maiores máis activas durante todo o ano e contribuíndo a unha sociedade máis activa e saudable. Dado que nos enfrontamos a sociedades cada vez máis envellecidas, o proxecto tamén xoga un papel fundamental na inclusión entre xeracións nos nosos territorios”. A dotación do premio son 10.000 euros que se investirán na promoción de estilos de vida saudables entre a poboación maior do municipio.

Ler a nova completa no DUVI