Os socios de Coblages estudan como fomentar as relacións interxeracionais a través da aprendizaxe comunitaria

Desenvolver unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria no ensino superior para ter estudantes mellor preparados para un mundo envellecido. Con este reto, desde setembro de 2023 e ata febreiro de 2026 catro universidades e unha ONG de Portugal, Turquía, Romanía e España desenvolven o proxecto europeo Coblages. A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense é unha desas institucións participantes e como tal, desde este martes e ata o xoves, acolle o segundo dos encontros deste proxecto.

Coblages (Using community-based learning to prepare higher education students for an ageing world), conta cun orzamento total de 250.000 euros e está financiado pola Axencia Nacional Erasmus+ de Portugal e pola convocatoria KA220-HED Cooperation Partnerships in Higher Education, da Unión Europea. Coordinado polo Instituto Politécnico de Viseu (Portugal), ademais da Universidade de Vigo son socios Aproximar-Cooperativa de Solidariedade Social (Portugal); a Ankara Bilim Üniversitesi (Turquía), e a Asociatia European Association for Social Innovation e a Universitatea de Vest din Timisoara, de Romanía.

Ao longo da súa xuntanza en Ourense, os socios do proxecto analizarán o seu desenvolvemento e avanzarán no deseño das súas ferramentas e metodoloxías, realizando ademais visitas de interese. Na inauguración da cita, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social e coordinador do proxecto na UVigo, e Maria João Amante, da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viseu e coordinadora de Coblages, puxeron en valor a relación académica e investigadora de máis dunha década entre as dúas institucións académicas que representan e que se materializa en iniciativas como a participación neste proxecto. Pola súa banda, Diego Fernández, representante da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo no campus de Ourense, e Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, destacaron a pertinencia de abordar a temática desta iniciativa tendo en conta os datos de envellecemento poboacional de Ourense e Galicia.

Multidisciplinar, internacional e interxeracional

O obxectivo de Coblages é crear unha metodoloxía que poida ser usada por profesorado de educación superior, xestores comunitarios e alumnado para fomentar a cooperación interxeracional entre mocidade e persoas maiores de 60 anos. Ademais, o proxecto permite a estudantes de diferentes cursos “obter competencias contemporáneas (verde, dixital e lonxevidade) para estar mellor preparados para o envellecemento da poboación”. Nun contexto no que “cada vez hai menos diálogo entre xeracións” e un maior envellecemento, subliña Xosé Manuel Cid, os socios do proxecto traballará arredor de como fomentar esas relacións interxeracionais partindo da idea de que “a calquera idade temos opinións válidas e que poden achegar solucións aos problemas da nosa sociedade”.

Ler a nova no DUVI