Persoal directivo tanto de administracións municipais, como de empresas e asociacións do Brasil, todos eles alumnado de posgrao da Universidade de Sao Paulo (USP), amplían os seus coñecementos sobre o sistema de gobernanza español nun curso na Facultade de Dirección e Xestión Pública. Inserido nas actividades da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da UVigo, trátase dun curso avanzado de posgrao que o grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 deseñou para este grupo de profesionais do Brasil, no marco da colaboración que mantén co Laboratorio de Xestión Pública da USP.
Acompañados polos profesores da USP Fernando Coelho e Mauricio Correia, as e os participantes neste curso iniciaron a súa formación cunha sesión sobre gobernanza pública e cooperación institucional, precedida do acto inaugural no que participaron a vicerreitora de campus, Eva María Lantarón, e o decano, Enrique Varela.