O persoal investigador do campus infórmase das novas convocatorias comunitarias

O pasado mes de outubro, a Universidade de Vigo presentou a súa Oficina de Proxectos Internacionais (OPI), que ten como obxectivo fomentar a participación da comunidade académica e dos grupos de investigación en programas internacionais, prestando apoio e asesoramento aos investigadores e investigadoras nos procesos de solicitude, xestión e xustificación dos proxectos. Co propósito de dar a coñecer este servizo entre no campus pontevedrés, a sede da Vicerreitoría acolleu este mércores unha presentación desta nova oficina, así como das convocatorias europeas de educación e cooperación publicadas nestas semanas pola Comisión Europea.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director científico da OPI, Jorge Pérez Juste, e a técnica superior de Relacións Internacionais Eva Garea participaron na presentación desta “nova oficina, que significa tamén unha nova organización de todos os procesos que teñen que ver cos proxectos de ámbito internacional”, como salientou Soto. Nesta presentación, Pérez Juste puxo de relevo a “necesidade de xerar unha estrutura dentro da Universidade”, co propósito de axudar e asesorar aos investigadores “non só na presentación de proxectos, senón tamén na súa tramitación”. O director científico da OPI informou aos investigadores e investigadoras da estrutura e funcións desta oficina con sede no edificio Filomena Dato do campus vigués e centrada tanto en proxectos internacionais de investigación como educativos. Tanto Pérez Juste como Garea incidiron así mesmo na importante cantidade de fondos que suporá a posta en funcionamento, o vindeiro ano, do programa Horizon Europe, “que abre unas vías de captación de fondos moi interesantes para a Universidade”.

Ler a nova completa no DUVI