Desenvolver e implantar estratexias agroecolóxicas para previr e manexar as malas herbas, sen o uso de herbicidas sintéticos, en ata 30 cultivos de relevancia económica nas once rexións bioxeográficas europeas. Con este obxectivo arrancou o proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo (UVigo) Agrosus. Durante catro anos, socios de dez países traballarán na conversión de sistemas agrícolas convencionais en sistemas agroecolóxicos desde unha perspectiva local.
O proxecto, chamado Agroecological strategies for sustainable weed management in key european crops, arrancou no pasado mes de xuño e prologarase ata 2027. Conta cun orzamento de case cinco millóns de euros, dos cales case 310.000 euros proceden do goberno húngaro e case 4,7 millóns da Comisión Europea, a través da convocatoria de Horizonte Europa Agroecological strategies for sustainable weed management. O financiamento para a UVigo ascende a 926.625 euros. En Agrosus participa un consorcio de 16 socios de dez países (España, Portugal, Italia, Alemaña, Polonia, Ucraína, Romanía, Hungría, Turquía e Islandia) cun perfil moi diverso, desde universidades e empresas ata asociacións de agricultores.
Por parte da Universidade de Vigo, líder do proxecto, están como investigadores principais Adela M. Sánchez, do grupo BEV1 (Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas) e David Fernández Calviño, do grupo BV1 (Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos) e director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación