A UVigo participa no proxecto Capta para mellorar a resiliencia costeira na eurorexión Galicia-norte de Portugal
Liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar dentro do programa Poctep.
Co obxectivo de mellorar a resiliencia costeira na eurorexión Galicia-norte de Portugal, este mércores botou a andar o proxecto Capta, unha iniciativa transfronteiriza liderada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar que conta coa Universidade de Vigo entre os seus socios. Cun orzamento de 1,67 millóns de euros e cofinanciado polo programa de cooperación Interreg España-Portugal Poctep e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder, este proxecto sentará as bases de políticas e instrumentos de planificación que axuden a preservar os ecosistemas litorais e a facer fronte aos riscos climáticos de forma conxunta.
A xuntanza de lanzamento tivo lugar o mércores 13 de decembro na sede do Cetmar en Vigo e contou coa presenza de investigadores dos dous grupos da Universidade de Vigo implicados, EPhysLab e EcoCost, ambos adscritos ao CIM-UVigo, Centro de Investigación Mariña.