Co obxectivo principal de mellorar a capacidade da educación superior, utilizando tecnoloxía punta e formando ao persoal na mellora da calidade das asignaturas impartidas, o proxecto Erasmus+ iREEDER ofrecerá varios beneficios novos á educación superior xordana, como a modernización do plan de estudos dos estudiantes de enxeñería, o desenvolvemento da capacidade dos socios xordáns a través da creación de novos laboratorios, ou a construcción da cooperación entre socios xordáns e da UE, entre outros.
Neste sentido, o 1 de xuño tivo lugar na Universidade de Filadelfia o “Dissemination Day” ou día de difusión do proxecto Erasmus+ iREEDER, no que participou o coordinador do proxecto, o investigador e profesor da Universidade de Vigo, Felipe Gil Castiñeira.
Esta xornada de difusión dividiuse en tres grandes bloques:
O primeiro tratou sobre as Enerxías Renovables, cos relatorios do Prof. Andreas Kazantzidis, da Universidade de Patras (Grecia), que fixo unha Introdución ás Enerxías Renovables; o Dr. Ahmad Salah, da Universidade Al-Hussein Bin Talal (Xordania), coa súa conferencia sobre o Laboratorio de Enerxías Renovables na MU; Farah Qaqeesh, do Grupo Izzar Marji, quen falou sobre as Enerxías Renovables en Xordania; e, por último, Samer Zawaideh, da Sociedade Americana de Enerxía solar, quen basou o seu discurso nas habilidades necesarias nos novos enxeñeiros para o sector das enerxías renovables.
O segundo bloque da xornada de divulgación tratou sobre o Internet das Cousas, coa participación do Dr. Marios Raspapoulos, da Universidade de Central Lancashire (Inglaterra), coa súa Introducción do Internet das Cousas; o Dr. Moath Alsafasfeh, da Universidade Al-Hussein Bin Talal, que basou o seu relatorio no Laboratorio do Internet das Cousas da AHU; o enx. Ahmed Aqel, da Academia de Tecnoloxía do Automóbil, que falou sobre o mercado do Internet das Cousas en Xordania; e Mutaz Alotein, da Oficina de Deseño e Desenvolvemento de Xordania, cun discurso sobre as habilidades necesarias nos novos enxeñeiros para o sector do Internet das Cousas.
Para rematar a xornada, o terceiro bloque tratou sobre a Ciberseguridade, coa participación do investigador da UVigo Felipe Gil Castiñeira, quen tivo a oportunidade de compartir os avances en ciberseguridade para a educación superior. Gil Castiñeira estivo acompañado polo enxeñeiro Omar Qwabeh, da TTU, que falou sobre o Laboratorio de Ciberseguridade da TTU; o Dr. Bilal Alqudah, da Universidade Al-Hussein Bin Talal, que explicou o Acceso Remoto do Laboratorio de Ciberseguridade; e, finalizando os tres bloques, Wael Ibrahim, do Sector de Ciberseguridade Árabe, falou sobre o mercado da Ciberseguridade en Xordania.